Bailando a muiñeira, A Rúa. Ruth Matilda Anderson, 1924. © Hispanic Society of America. Bailando a muiñeira, A Rúa. Ruth Matilda Anderson, 1924. © Hispanic Society of America.

Noiteboa 1924, unha muiñeira para Ruth

Hai cen anos, a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson pasou tres días na Rúa. A súa visita, do 23 ao 25 de decembro de 1924, incorporou a vila á historia da fotografía documental de Galicia.

Bibliografía:

Fotografías de Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de Antano, Afundación, 2009.

 

Ligazóns:

Ruth Matilda Anderson no Álbum de Galicia Hispanic Society of America Exposición Afundación O legado pendente de Ruth Matilda Roteiro 'Ruth na Rúa'

Noite do 24 de decembro de 1924. Na Fonda Paco da Rúa reúnense familia e hóspedes a carón da lareira para celebrar a Noiteboa. Están a dona da pensión e maila filla, que toca a pandeireta. Unha rapaza e un home bailan en primeiro plano. Ela mira a cámara. Seu pai, un mago que acaparara a conversa durante a cea, observa en pé ao fondo. Hai máis nenos na sala. E unha muller limpando e rindo. E luz eléctrica. 

Fóra de cadro míraas Ruth, quen dispara a cámara. É norteamericana pero fala castelán bastante ben o que lle facilita o traballo. Leva seis meses en Galicia retratando un pobo, un lugar e un tempo cos criterios dunha nova disciplina, a fotografía etnográfica e documental. Traballa para a Hispanic Society of América, unha institución filantrópica dedicada ao coñecemento das culturas hispanas. Con más de cinco mil fotos sacadas en Galicia -que percorreu en varias campañas- o de Ruth Matilda Anderson é un dos arquivos fotográficos máis extenso e importante da historia contemporánea de Galicia.

E entre esas fotos, esa muiñeira, bailada na Noiteboa de 1924 nunha fonda da Rúa.

Bailando a muiñeira, A Rúa. Ruth Matilda Anderson, 1924. © Hispanic Society of America.
Bailando a muiñeira, A Rúa. Ruth Matilda Anderson, 1924. © Hispanic Society of America.

Ao mellor non está xustificada a emoción, pois facendo unha busca rápida, esa foto do baile non aparece entre as súas imaxes destacadas. Son máis coñecidas as fotos de Ruth na Costa da Morte ou en Noia, pero para a vila da Rúa, cen anos despois da noite do disparo, é obrigado recoñecela como unha fotografía icónica.

Porque Ruth Matilda Anderson estivo aquí. E non hai tanta xente que estivera aquí. Polo menos non a xente que fai que un lugar apareza nas memorias históricas e artísticas. Así que este pequeno acontecemento é a oportunidade de reivindicar para A Rúa un espazo no relato da Galicia contemporánea, cando nunha fonda, na Noiteboa de 1924, bailouse unha muiñeira para Ruth.

Ruth Matilda Anderson en Compostela, 1924. © Hispanic Society of America.
Ruth Matilda Anderson en Compostela, 1924. © Hispanic Society of America.

Todos os detalles sobre a fotografía están nas anotacións da propia fotógrafa incluídas no catálogo da exposición Fotografías de Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de Antano, Afundación, 2009. Para coñecer máis sobre a súa estancia na vila entra en Ruth na Rúa.